CERTAME COOPERATIVISMO NO ENSINO 2011
A Consellería de Traballo e Benestar convoca o certame “Cooperativismo no ensino” ten co obxecto de difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.
No desenvolvemento destas actividades os centros deberán ter en conta os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como: a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada. As actividades que se realicen deberán potenciar e propiciar estes valores. Como soporte de apoio ás actividades propostas contarase con material divulgativo en formato electrónico na páxina web www.cooperativasdegalicia.com.
Coa finalidade de impulsar a formación nestes valores e a súa aplicación práctica, incentívase a realización de actividades específicas mediante distintos premios aos que poden optar os traballos realizados polos alumnos.
Poden participar no certame todos os centros educativos de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria, así como o seu alumnado e profesorado, segundo as seguintes modalidades:
Modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo dirixida ao alumnado de infantil e primaria.
Os centros de infantil e primaria que realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo poderán presentar a este concurso os debuxos, pinturas, fotografías e/ou vídeos realizados polo seu alumnado segundo as seguintes categorías:
- Categoría A: alumnos/as de 2º ciclo de educación infantil.
- Categoría B: alumnos/as de 1ºe 2º de educación primaria.
- Categoría C: alumnos/as de 3º e 4º de educación primaria.
- Categoría D: alumnos/as de 5º e 6º de educación primaria
Na modalidade de debuxo pintura, fotografía e/ou vídeo esixiranse as seguintes condicións técnicas:
- Os traballos de debuxo e pintura presentaranse en formato e soporte libre, empregando as técnicas que o alumnado decida. No reverso do debuxo ou pintura consignarase, en letras maiúsculas, os datos do autor/es: nome, apelidos, idade, curso, dirección do centro escolar, así como a categoría na que participan.
- Os traballos de fotografía presentaranse en formato dixital, arquivos JPG, RAW ou TIFF, en alta resolución para a súa posible publicación, de 2.000 píxeles como mínimo no seu lado máis reducido. A resolución recomendada é de 300 ppp. Enviaranse copias en papel, xunto co arquivo en soporte CD. Cada fotografía (copia impresa), así como o correspondente CD coas copias dos arquivos, deberán levar unha inscrición no reverso indicando con letra lexible os datos identificativos dos autores: nome, apelidos, idade, curso, dirección do centro escolar, así como a categoría na que participan e título.
- No caso de vídeos as producións presentaranse nun DVD estándar, reproducible en calquera reprodutor convencional de DVD, podendo conter menú de inicio. O formato será MPEG2 PAL, configurado como zona 2 ou como zona libre. As locucións e grafismos deberán utilizar o galego. A súa duración non poderá exceder de 10 minutos. O DVD non poderá conter máis dun programa e deberá estar identificado cos datos dos autores: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar e a categoría na que participan, título da creación presentada, así como ficha técnica.
- Non se admitirá ningún traballo en soporte distinto dos anteriores ou que non respecte as condicións indicadas.
Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:
- Un premio ao mellor traballo de cada categoría: os/as autores/as do traballo premiado en cada categoría recibirán materiais de debuxo e pintura, audiovisual ou informático, por un valor total equivalente a 2.700 euros.
- Un accésit por cada categoría: os/as autores/as de cada traballo premiado recibirán materiais de debuxo e pintura, audiovisual ou informático, por un valor de 1.700 euros.
Modalidade de Actividades Cooperativizadas dirixido ao alumnado de primeiro e segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria
Os centros de educación secundaria obrigatoria que realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo poderán presentar a este concurso as memorias dos traballos realizados cooperativamente por grupos do seu alumnado, tales como: unha viaxe de ampliación de estudos, un festival de fin de curso, un campionato deportivo, un xornal, unha páxina web, un programa de radio ou unha obra de teatro, segundo as seguintes categorías:
- Categoría E: alumnos/as do primeiro ciclo da E.S.O.
- Categoría F: alumnos/as do segundo ciclo da E.S.O.
A memoria dos traballos realizados describirá o proceso de elaboración e realización da actividade de xeito que indique:
- Definición dos obxectivos. Cómpre aclarar as metas que se pretenden acadar, que beneficios de tipo cooperativo vai reportar a actividade, así como poñerlle un título ao traballo que resuma as súas intencións.
- Asignación de tarefas. Débese dividir o traballo en partes e decidir que persoa ou persoas se encargan de cada unha delas. Para isto é importante ter en conta os intereses de cadaquén, as súas posibilidades, coñecementos, preferencias, etc.
- Tarefas desenvolvidas. Especificar que tipo de materiais se precisan para levar a cabo a actividade, e cales deles se utilizan. Estes poden ser de tipo documental, gráficos, sonoros, económicos, etc. Tamén é necesario precisar a maneira de obtelos.
- Dinámica das reunións. Para que o traballo estea coordenado hai que celebrar reunións periódicas para poñer en común o realizado, así como para establecer cales son as seguintes tarefas, os prazos, os/as encargados/as de realizalas, e calquera decisión sobre a marcha do proxecto. Para este fin débense levantar actas das reunións nas que se deixe constancia de todo isto.
- Resultado final.
Esta memoria terá unha extensión máxima de 6 follas DIN A4 escritas por unha soa cara editadas en Arial cun corpo de 12 puntos e unhas marxes de 15mm en cadanseu borde. Tendo que entregarse dúas copias en papel e o seu soporte en sistema informático. Deberanse engadir, como anexos: o resultado final e os documentos precisos para xustificar a realización do proxecto, nas súas diferentes etapas, tales como: fotografías da realización, documentos, materiais realizados e actas das reunións, debidamente identificados co nome do centro e o título do proxecto.
Os traballos presentados á modalidade de actividades cooperativizadas, dirixido aos centros de secundaria, poderán optar aos seguintes premios:
- Un premio ao mellor traballo por categoría: os/as autores/as do traballo premiado en cada categoría recibirán material audiovisual ou informático, por un valor total equivalente a 2.700 euros.
Todos os premios serán propostos polos respectivos tribunais . Os tribunais poderán propoñer que se declaren os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existir premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.
A entrega dos premios terá lugar no transcurso do acto público que se celebrara con motivo do día do cooperativismo.
O tribunal valorará nos traballos presentados a orixinalidade e a representación dos valores e actitudes que fomenta o cooperativismo. Particularmente, para a modalidade de actividades cooperativizadas terase en conta o número de persoas participantes, a orixinalidade do tema elixido, a organización do grupo para a realización do traballo de maneira cooperativa e a calidade final do traballo realizado.
Os traballos dos/as alumnos/as debidamente identificados deberán entregarse na Dirección Xeral de Relacións Laborais (Consellería de Traballo e Benestar, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela), xunto coa correspondente solicitude de participación que deberá especificar a modalidade e, no seu caso, categoría á que se presenta, antes do 15 de maio de 2011.
As bases do certame pódense consultar na web www.cooperativasdegalicia.com e no Diario Oficial de Galicia nº 59 do 24 de marzo de 2011.
