Coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo na comunidade autónoma, así como para recompensar publicamente o labor que  as cooperativas e outras institucións e persoas veñen realizando neste sentido, o Consello Galego de Cooperativas, considerou axeitado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación. O Pleno do Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión de data do 12 de novembro de 2008, acordou aprobar as bases polas que se regulan os premios á cooperación para o ano 2009.

Primeira • Destinatarios


Poderán optar a estes premios as cooperativas e as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo na Comunidade Autónoma galega.

Segunda • Modalidade


Os premios á cooperación convócanse baixo as seguintes modalidades:

• Premio aos valores cooperativos.
• Premio ao mellor proxecto cooperativo.
• Premio á promoción do cooperativismo.

Terceira • Premio aos valores
cooperativos


1. Outorgarase á cooperativa, entidade ou persoa que máis teña destacado no impulso dos valores cooperativos na Comunidade Autónoma galega.
2. O xurado valorará a traxectoria dos/as candidatos/as, especialmente as actuacións dirixidas á aplicación práctica dos principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional e a súa adecuación ao marco socioeconómico galego.
3. O premio terá unha dotación económica de 6.000 euros.

Cuarta • Premio ao mellor proxecto
cooperativo


1. Outorgarase ao proxecto empresarial cooperativo de especial relevancia,  tanto de cooperativas de nova creación como das previamente existentes.
2. O xurado terá en conta a especial relevancia do proxecto, que pode vir determinada tanto polo seu carácter innovador ou de intercooperación, como por outras características singulares e pola súa repercusión no contorno, especialmente nos eidos económico, social e laboral.
3. O premio terá unha dotación económica de 6.000 euros.

Quinta • Premio á promoción do
cooperativismo


1.
Outorgarase á persoa ou entidade que teña destacado especialmente no fomento do cooperativismo, tanto pola súa traxectoria como por actuacións de carácter puntual que resulten particularmente significativas.
2. O xurado terá en conta a actividade ou actividades realizadas polos/as candidatos/as e a súa repercusión na implantación e desenvolvemento do cooperativismo en Galicia, tanto nos seus aspectos cualitativos como cuantitativos, e valorará especialmente os persoeiros do cooperativismo como xeito de recoñecer as súas traxectorias neste eido.
3. O premio terá unha dotación económica de 6.000 euros.

Sexta • Candidaturas, documentación
e prazo


As candidaturas poderán presentarse, asinadas polo/a candidato/a ou persoa que  o propoña, na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela) acompañada de memoria explicativa e documentación xustificativa dos valores e méritos alegados.

Poderase requirir dos interesados aquela información e documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados, particularmente en relación coa aplicación práctica dos principios e valores cooperativos.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de maio de 2009

 

Sétima • Xurado

Para efectos de concesión dos premios, actuará como xurado a Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas e a súa decisión será inapelable.

O xurado poderá declarar os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existir premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

 

Oitava • Entrega dos Premios


Todos os premios serán outorgados polo xurado e procederase á súa entrega no transcurso do acto público que se celebrará con motivo do día do cooperativismo.

Novena • Aceptación das Bases


A participación nestes premios supón a aceptación incondicional das presentes bases.

Texto do DOG {descargar}

 

 

 

 

 

 

PIE