Índice >> Introdución

Introdución

O “Manual de boas prácticas para a conciliación da vida laboral e familiar” elaborouse especificamente para promover a conciliación da vida laboral e familiar nas cooperativas galegas.

portada

Esta guía realízase por encargo da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, unidade dependente da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo, de quen depende a promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de cooperativas e outras empresas de economía social.

Na actualidade, atopámonos nun proceso de cambio, de transformacións sociais, culturais e económicas. Neste marco, concíbese a necesidade de elaborar unha guía de conciliación que se configure como unha ferramenta de consulta ou un instrumento de apoio para adquirir una visión sinxela e global das medidas de conciliación existentes e, así, conseguir un equilibrio entre o tempo que se lle dedica ao traballo e o que se lle dedica á vida privada e familiar.

A igualdade de xénero implica a igualdade de dereitos, de responsabilidades e oportunidades para homes e mulleres. Por outra parte, a conciliación da vida laboral e familiar é unha das dimensións da igualdade e, como tal, pretende corrixir desigualdades para que homes e mulleres compartan responsabilidades nestes ámbitos.

Nun contorno laboral caracterizado por longas xornadas laborais de traballo e escaso tempo libre, que afectan maioritariamente ás mulleres, a conciliación preséntase como a solución máis adecuada para acadar un maior benestar para as persoas e un incremento da produtividade nas organizacións que aquelas integran. Existen numerosas investigacións e datos que demostran a necesidade de tomar medidas para conciliar a vida persoal, laboral e familiar das persoas. Neste cometido, as cooperativas xogan un papel fundamental como organización democrática e modelo de empresa que aposta por un cambio social.

Descarga o Manual de Boas Prácticas para a Conciliación da Vida Laboral e Familiar en formato pdf

anterior seguinte
Xunta de Galicia. Consellería de Traballo. Dirección Xeral de Relacións Laborais