A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma, asignándolle entre as súas funcións a de facilitar e colaborar na investigación, planificación e execución dos programas de desenvolvemento e fomento do cooperativismo.

Tendo en conta que as sociedades cooperativas teñen amosado o seu importante potencial para o impulso do desenvolvemento, local en xeral e rural en particular, cómpre apoiar o seu aproveitamento integral como elementos dinamizadores da economía local e singularmente creadores de riqueza e emprego, a través do estimulo aos axentes que interveñen nos procesos de xeración de proxectos empresariais, particularmente aqueles mais ligados ao ámbito local.

Vistas as experiencias derivadas de anteriores edicións do concurso de iniciativas cooperativas e coa finalidade de fomentar o cooperativismo como formula de desenvolvemento local en Galicia, o Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión de data 12 de novembro de 2008, acordou aprobar a convocatoria do concurso de iniciativas de proxectos cooperativos experimentais, correspondente ao ano 2009.

Primeira • Obxecto

O obxecto deste concurso é estimular e apoiar aos axentes que interveñen nos procesos de xeración de proxectos empresariais, en especial nos proxectos ligados ao ámbito local,  para que no seu labor de técnicos/as no asesoramento e impulso de proxectos  fomenten   o cooperativismo  como fórmula  de desenvolvemento local en Galicia.

Segunda • Destinatarios


Poderán participar neste concurso as persoas pertencentes a colectivos tales como axentes de desenvolvemento local, axentes de extensión pesqueira, de extensión agraria, técnicos/as de emprego, técnicos/as de grupos de acción local, orientadores/as educativos e laborais, técnicos/as das Consellerías de Pesca e Asuntos Marítimos, Medio Rural e Traballo, así como técnicos/as das asociacións de cooperativas, etc. Así mesmo, o concurso estará aberto a todas as persoas maiores de idade, de calquera nacionalidade, que presenten proxectos orixinais e inéditos escritos en galego ou castelán.

Terceira • Proxectos


Os proxectos terán por obxecto o impulso e aproveitamento integral dos recursos locais no ámbito galego, a través da fórmula cooperativa, de xeito que poidan incentivar o desenvolvemento local en xeral, e rural en particular. Ademais, deben terse en conta as liñas de acción definidas no Plan Estratéxico para o Cooperativismo.

Cuarta • Presentación  proxectos


Poderán presentarse proxectos individuais ou colectivos. Cada persoa poderá participar nun só proxecto individual e/ou nun só proxecto colectivo. A participación en máis de un proxecto unicamente será admisible cando sexan proxectos de diferente modalidade (individual e colectivo).

Quinta • Prazo


Os proxectos presentaranse antes do 31 de maio de 2009 na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela). Os textos entregados fóra de prazo non serán admitidos no concurso.

Deberá presentarse unha copia de cada proxecto escrita en galego, en papel formato A4 (DIN-A4, 210 x 297), claramente impresa a espazo simple en Century Gothic 12 ou tipo de letra similar e nunha soa das caras da folla. A extensión máxima dos proxectos será de 20 follas (incluíndo no cómputo os anexos). Ademais será obrigatorio enviar os proxectos en formato electrónico de forma complementaria ao envío en papel.

Sexta • Documentación


• Cada proxecto presentarase asinado cun pseudónimo na carátula e acompañado por un sobre, debidamente pechado; na súa fronte indicarase o pseudónimo usado polo/s autor/es pola/s autora/as. No interior dese sobre deben figurar os datos persoais e de contacto do autor/a para os proxectos individuais e de cada un dos compoñentes do grupo de traballo nos proxectos colectivos: nome e apelidos, DNI ou número de pasaporte, domicilio, teléfono, e enderezo de correo electrónico, se o tivese. O dito sobre permanecerá invariablemente pechado, a excepción dos correspondentes proxectos que acaden os premios e de aqueles que sexan seleccionados para formar parte dun catálogo de referencia.

• Cada proxecto entregado estará acompañado ademais dunha nota escrita polo/s autor/es  pola/s autora/as e asinado co seu pseudónimo, na cal aceptará expresamente as bases e condicións do concurso e declarará que a obra é da súa autoría, inédita, que non foi presentada a outro concurso pendente de resolución e que non ten cedidos ou prometidos os dereitos de edición e/ou reprodución en calquera forma con terceiros. No sobre pechado indicado anteriormente, incluirase unha certificación asinada co nome e apelido do autor, na que este se fai expresamente responsable da veracidade e exactitude da declaración mencionada neste paragrafo. No caso de faltar este requisito, o proxecto quedará excluído do concurso.

Sétima • Xurado e avaliación

• Os proxectos presentados serán avaliados por un xurado composto polos seguintes membros: un/unha representante nomeado/a polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas, un/unha representante nomeado/a pola Federación Galega de Municipios e Provincias, un/unha orientador/a técnico/a profesional nomeado/a  pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais,  un/unha representante nomeado/a pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, un/unha representante nomeado/a pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, un/unha técnico/a especialista en cooperativismo nomeado pola Consellería de Traballo e a directora xeral de Relacións Laborais, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

• Avaliarase a coherencia e viabilidade económica dos proxectos, o seu carácter innovador, a súa achega á posta en valor e aproveitamento sustentable dos recursos locais do contorno e a súa adecuación aos obxectivos e liñas de actuación do Plan Estratéxico para o Coperativismo.

• Todos os premios serán outorgados polo xurado, a decisión tomarase por unanimidade ou, no seu defecto, por maioría de votos e serán inapelables. A resolución darase a coñecer no transcurso do acto público que se celebrara con motivo do día do cooperativismo, no que se procederá á entrega de premios.

• O xurado poderá declarar os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existir premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

Oitava • Premios


o/s autor/es a/s autora/s do mellor proxecto recibirá/n un único premio de 7.000 euros, dos cales 4.000 euros entregaranse tras a resolución do xurado, e 3.000 euros  entregaranse tras a presentación dunha memoria das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto; será preciso xuntar a documentación acreditativa que xustifique, como mínimo, a conformación do grupo promotor do proxecto, coa relación de nomes e apelidos e a acta da súa primeira reunión.

Ademais outorgaranse dous accésit  de 2.000 euros, cada un, aos/ás autores/as dos proxectos considerados como segundo e terceiro mellores. Os proxectos de maior interese incorporaranse a un catálogo de referencia.


Novena • Difusión proxectos


• O outorgamento dos premios establecidos neste concurso implica, sen necesidade de ningunha declaración por parte dos/as autores/as, o recoñecemento do dereito exclusivo a favor do Consello Galego de Cooperativas, a reproducir, traducir e difundir os proxectos premiados nas condicións, cos medios a través dos suxeitos, entidades ou institucións que consideren oportunos.

• O Consello Galego de Cooperativas reservará para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes dos/as gañadores/as, polos medios e formas de comunicación que crean convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considerase que os/as participantes no concurso prestaron o seu consentimento ao presentar o proxecto.

• Os/as concursantes exoneran de toda responsabilidade ao Consello Galego de Cooperativas, no caso de que os proxectos resultaran danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estiveren en poder do mesmo. Os materiais presentados non serán devoltos.

Décima • Aceptación das bases

A presentación dun proxecto neste concurso implica a aceptación incondicional das presentes bases que teñen carácter administrativo, e os seus efectos rexeranse polo establecido nas súas cláusulas, e no seu defecto pola normativa xeral que lle sexa de aplicación. Para o seguimento da súa execución ou coñecemento de calquera cuestión sobre a súa interpretación, modificación, resolución ou efectos delas que poidan xurdir acudirase ao Consello Galego de Cooperativas.

 

Texto do DOG {descargar}

 

 

 

 

 

 

PIE