A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma, asignándolle entre as súas funcións a de facilitar e colaborar na investigación, planificación e execución dos programas de desenvolvemento e fomento do cooperativismo.
Neste marco de fomento, o Plan Estratéxico para o Cooperativismo considera necesario deseñar accións concretas orientadas á difusión e divulgación dos principios, valores e potencialidades do cooperativismo, para poñelos en valor na sociedade galega. Co obxecto de contribuír a esta finalidade considerase axeitada a utilización dos medios audiovisuais, cada día máis presentes na sociedade e que se conforman como excelentes ferramentas de comunicación e divulgación. Entre estes medios, as curtametraxes ofrecen unhas características óptimas para o labor de divulgación do cooperativismo, o mesmo tempo que permiten unha aposta pola creación artística e cultural en Galicia.
En consecuencia, o Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión de data 15 de decembro de 2006, acordou aprobar a convocatoria do concurso de curtametraxes COOPERACIÓN XXI.