Finalidade
Este programa ten como finalidade apoiar o desenvolvemento de actividades para o fomento do cooperativismo e a incorporación das cooperativas ás tecnoloxías da información e as comunicacións, subvencionando parcialmente os gastos necesarios para a súa realización e para o desenvolvemento dos procesos de adaptación necesarios.
Beneficiarios/as
Poderán ser beneficiarias destas axudas as sociedades cooperativas, legalmente constituídas e inscritas nos rexistros de cooperativas dependentes da Xunta de Galicia, que realicen as devanditas actividades desde o 1 de xaneiro ata o 30 de novembro do ano 2009.
Modalidades e contía das axudas
- Na modalidade de fomento do cooperativismo, poderán considerarse actividades subvencionables:
- Organización de cursos, xornadas, conferencias e simposios.
- Elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, traballos de investigación, manuais e folletos divulgativos.
- Elaboración de proxectos de intercooperación e integración.
- Presenza da cooperativa en ferias, mostras e congresos.
- Participación dos socios/as e traballadores/as en cursos de formación para a mellora da dirección e xestión cooperativa.
- Realización de actuacións de divulgación e promoción do emprendemento baixo a fórmula cooperativa.
- Calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo.
A contía das axudas previstas nesta modalidade non poderá superar o 75% dos gastos necesarios para a súa realización, ata un máximo de 30.000 euros por beneficiario/a. Establécense, así mesmo, os seguintes límites subvencionables para as actividades que se indican a continuación:
- Actividades divulgativas ou formativas de duración inferior a 10 horas ata 2.000 euros.
- Actividades divulgativas ou formativas de duración superior a 10 horas ata 3.000 euros.
- Presenza en feiras e mostras ata 5.000 euros.
- Na modalidade de adaptación as tecnoloxías da información e as comunicacións, poderán ser obxecto de subvención os programas que recollan algunha das seguintes actuacións:
- Elaboración da paxina web da entidade cooperativa e a súa incorporación a redes informáticas, ata un máximo de 3.000 euros.
- Implantación de sistemas telemáticos para a xestión empresarial e societaria, así como para comercio electrónico, ata un máximo de 10.000 euros.
En todo caso, a contía das axudas previstas nesta modalidade non poderá superar o 75% dos gastos necesarios para a súa realización, ata un máximo de 10.000 euros por beneficiario/a.
Criterios de avaliación
A concesión e contía das axudas, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:
- Pola adecuación aos obxectivos e liñas de actuación do Plan estratéxico para o cooperativismo, ata un máximo de 30 puntos. No caso da modalidade 3.2, esta puntuación outorgarase en función do carácter integral do proxecto presentado que fomente a inmersión da cooperativa nas tecnoloxías da información e as comunicacións.
- Por propostas innovadoras ou que pola súa singularidade acheguen novos enfoques e perspectivas ao cooperativismo ou á súa promoción, ata un máximo de 25 puntos. No caso da modalidade 3.2 esta puntuación outorgarase polo establecemento de canles áxiles e estables de comunicación interna cos socios e socias da cooperativa.
- Pola solvencia da entidade solicitante para levar a cabo a actividade, acreditada mediante memoria específica, e o cumprimento dos compromisos derivados de actividades subvencionadas anteriormente, de ser o caso, ata un máximo de 20 puntos.
- Pola adecuación dos medios previstos e viabilidade do proxecto presentado, ata un máximo de 15 puntos.
- Polo emprego da lingua galega na realización das actividades para as cales solicita a axuda, ata un máximo de 15 puntos.