Finalidade
Este programa ten como obxectivo o fomento do acceso á condición de socios e socias traballadores/as de cooperativas, como xeito de promocionar o cooperativismo facilitando a participación e plena integración na empresa, mediante a concesión de axudas económicas destinadas a financiar, parcialmente, a achega ao capital social que se debe desembolsar para a incorporación como socio/a.
Beneficiarios/as
Persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que accedan á condición de socio/a dunha cooperativa de traballo asociado e as persoas asalariadas das sociedades cooperativas que accedan á condición de socio/a traballador/a. En ambos casos cando a incorporación se produza no período comprendido entre o 16 de setembro de 2007 e o 15 de setembro de 2008 e sempre que non tivesen percibido axuda para incorporación como socio/a traballador/a nos catro anos inmediatamente anteriores.
Será necesario acreditar o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, respecto aos topes máximos de traballadores/as por conta allea, así como establecer un plan específico que recolla medidas que aseguren a progresiva incorporación dos/as asalariados/as á condición de socios/as, se é o caso.
Contía das axudas
A contía das axudas poderá ascender ata 4.000 euros, sen que en ningún caso poda ser superior á contía que corresponda subscribir en concepto de achega de capital social e cota de ingreso, pola incorporación como socio ou socia traballador/a. A contía máxima da axuda, no momento do seu pagamento, non pá ser superior aos importes efectivamente desembolsados en concepto de achega ao capital social e cota de ingreso.
O importe das axudas será recoñecido como achegas obrigatorias desembolsadas do/a novo/a socio/a ao capital social e non poderá ser obxecto de reembolso nin transmisión por actos inter vivos, durante un período mínimo de cinco anos. Non obstante, o socio ou socia que cause baixa obrigatoria poderá transmitir a súa achega a favor da persoa que se incorpore para substituílo/a nas mesmas condicións e ata o final do referido período, como mínimo. Igualmente poderá ser recoñecido como cota de ingreso, incorporándose ao Fondo de Reserva Obrigatorio da entidade.