PrimariaSecundariaF.P.
Guía cooperaSegundo ciclo de primaria
Cooperar é naturalQueres ser un animal cooperativo?ActividadesEntrevistaCineLetrasSuxestións

Suxestións para o profesorado de primaria

DECÁLOGO DA SUPERACIÓN DOS CONFLITOS DO TRABALLO EN GRUPO

O traballo en grupo pode ser fonte de conflitos e controversias, para que as controversias teñan efectos construtivos procura que:

  1. A información da que dispoñan para realizar as tarefas sexa o máis relevante posible.
  2. Estean motivados para realizar a tarefa ou resolver o problema que se lles propón.
  3. A tarefa ou problema que se lles propón estea dentro das súas capacidades intelectuais.
  4. Cando o alumnado teña unha discrepancia non atribúa a orixe da mesma á incompetencia ou á falla de información dos opoñentes.
  5. Teñan unha información suficiente, tanto en volume como en calidade, para a resolución do problema ou da tarefa proposta.
  6. Cando xurda unha controversia os opoñentes sexan capaces de relativizar o seu propio punto de vista e de adoptar a perspectiva dos demais.
  7. Coñezan as perspectivas teóricas que están na base da problemática sobre a que están a traballar.
  8. Os grupos non sexan excesivamente heteroxéneos pois, maior será a probabilidade de que xurdan conflitos e controversias.
  9. A situación de traballo sexa o máis cooperativa posible, pois está estudado que nesas situacións, cando se produce unha controversia son maiores os seus efectos construtivos.
  10. Exista unha boa comunicación entre os opoñentes e contribúe a establecer un clima de aceptación e axúdalles na busca de puntos de contacto entre posturas contrapostas.

DECÁLOGO DO TRABALLO COOPERATIVO NA AULA

O traballo na aula podémolo organizar de maneira cooperativa, competitiva ou deixando que o alumnado traballe de xeito individual. Se queres que mellore rendemento escolar e a aumente a produtividade organiza o traballo da aula de maneira cooperativa tendo en conta os dez principios que che indicamos a continuación:

  1. Estimula o intercambio de información entre o grupo e pide que verbalicen as aprendizaxes realizadas.
  2. Establece un obxectivo claro ao que hai que chegar na realización dunha tarefa ou traballo e isto favorecerá a cooperación no grupo.
  3. Organiza grupos pouco numerosos para favorecer a interacción entre os compoñentes.
  4. Procura que o grupo non divida o traballo en apartados e que os traballen de maneira individual, isto faría perder as ricas posibilidades do traballo cooperativo.
  5. Evita que o traballo cooperativo dentro de cada grupo provoque o traballo competitivo entre os grupos.
  6. Organiza a aula de maneira cooperativa cando traballes calquera tipo de contido, agás os que sexan de tipo repetitivo e mecánico, nos que pode ser máis aconsellable outro tipo de organización.
  7. Traballa de xeito cooperativo con alumnado de calquera idade pero especialmente cos máis maiores.
  8. Evita que algún membro do grupo impoña sempre o seu criterio e non deixe participar aos demais compañeiros e compañeiras.
  9. Proponlles tarefas nas que poidan existir diferentes puntos de vista ou maneiras distintas de facelas.
  10. Propón tarefas que supoñan un reto intelectual para o alumnado, neste tipo de tarefas obterás o mellor rendemento do traballo cooperativo.

Consello Galego de CooperativasXunta de Galicia

Copyright 2008 | O Cooperativismo na Escola
www.cooperativasdegalicia.com/educacion