Isto é Hollywood
Realización dun vídeo
OBXECTIVOS:
Os obxectivos que pode cumprir a realización dun vídeo poden ser múltiples, pero a proposta que vos facemos é a realización dun vídeo para recoller en imaxes unha viaxe realizada polo grupo (a París por exemplo). Neste caso os obxectivos que se pretenden acadar son, entre outros, os seguintes:
- Desenvolver o espírito emprendedor, o sentido crítico e a iniciativa persoal.
- Desenvolver a confianza en si mesmo e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades.
- Exercitarse no diálogo afianzando os valores comúns dunha sociedade plural e prepararse para o exercicio da cidadanía democrática.
- Mostrar a toda a comunidade educativa a nosa experiencia.
- Ter un recordo da actividade realizada.
- Ter un elemento de motivación para outros cursos para animalos a realizar actividades similares.
- Crear un material para poder traballar posteriormente na clase.
TAREFAS:
Unha vez que tedes establecidos os obxectivos que pretendedes, dividide as tarefas a realizar e as persoas que se encargarán de cada unha delas.
- Gravar as imaxes: o máis normal é que en primeiro lugar elaboredes o guión do vídeo, en función do cal teremos que obter as imaxes, se non é así cando menos habería que formar un grupo encargado de recoller esas imaxes. Pero se no voso caso xa non é posible, porque xa rematou a actividade e agora vos atopades cunha morea de imaxes gravadas en varias cámaras, mesmo fotografías e outros materiais gráficos, tamén podemos realizar un vídeo.
- Facer un guión: calquera narración precisa unha presentación, un nó e un desenlace. O vídeo dunha excursión tamén. Queremos contar unha historia e teremos que indicar como comezou e como rematou, e as cousas que pasaron no medio.
- Editar as imaxes: Precisaremos algún programa de edición se o facemos en formato dixital ou unha mesa de mesturas se o facemos en analóxico. Teremos que recompilar todas as imaxes das que dispoñamos e pode que para completar a historia nos falten imaxes que xa non podemos realizar, pero con imaxinación seguramente poderemos conseguir algunhas: uns pes subindo a un autobús poden servir para imaxes da marcha, un primeiro plano dunhas mans examinando un plano, poden servirnos para intercalar nas imaxes de París, e outras que se vos poidan ocorrer.
- Engadirlle música: Dentro do proceso de edición teremos que incorporar as músicas máis apropiadas. Unha música ben escollida pode mellorar considerablemente o noso traballo. Buscalas é polo tanto unha tarefa fundamental.
Dependendo da situación da que partades teredes que decidir cales serán as tarefas que realizará cada grupo e que persoas formarán parte de cada un.
RECURSOS:
Esta é unha actividade na que os recursos tecnolóxicos son imprescindibles para a súa realización, polo que senón contamos con eles resulta difícil atopar alternativas. Faríanvos falta: cámaras, ordenador, gravadora de dvd ou cd, e programas específicos de edición de vídeo.
De todos os xeitos, unha opción que permite uns resultados moi convincentes é realizar unha presentación cun programa de presentación de fotografías, nas que podemos ir intercalando textos e á que se lle pode engadir música.
REUNIÓNS:
Haberá que realizar reunións para definir claramente cales son as tarefas que imos realizar e os grupos que as levarán a diante.
Cada un dos grupos realizará a parte que ten encomendada e teredes que facer as reunións que precisedes para concluír cada unha das partes, tendo en conta que este tipo de actividade require un proceso de realización secuencial, de maneira que teredes que ir rematando cada unha das partes antes de realizar a seguinte.
Finalmente ver o produto rematado permitirá atopar os matices de ritmo que pode ser preciso axustar.
REALIZACIÓN:
Xa temos o vídeo rematado!, e aínda que non estea para presentar aos premios do audiovisual galego seguramente quereredes darlle unha difusión, as posibilidades que se vos presentan son varias:
- Facer copias e distribuílas entre as persoas interesadas.
- Colgalo nunha páxina web .
- Proxectalo no propio centro, ben nun festival que se organice, ben nalgunha aula ou na biblioteca durante os recreos.
|