Viaxe de estudos Festival fin de curso Campionato deportivo Xornal
Páxinas web Programa de radio Obra de teatro  

Viaxando polo hiperespacio
Realización dunha páxina web

OBXECTIVOS:

Realizar unha páxina web dun centro é algo complicado e laborioso pero resulta doado facer unha máis sinxela sobre un aspecto máis concreto: Un tema que traballaramos en clase, unha afección, un personaxe relevante do noso contorno, ou mesmo un hobby que compartamos varias persoas. Porque non facer unha sobre o campionato deportivo que se realiza no centro.

¡Non vos asustedes!, hai moitos programas que teñen modelos predeseñados que permiten realizar presentacións ben xeitosas sen ter moitos coñecementos técnicos e que poderemos enriquecer posteriormente.

Os obxectivos que cumpriría este traballo serían:

  • Informar a toda a comunidade educativa (¡e a todo o mundo! –literalmente-) dunha actividade que estamos a realizar no instituto.
  • Permitir a consulta en calquera momento e en calquera lugar (con conexión a internet) da situación do campionato.
  • Exercitarse no diálogo afianzando os valores comúns dunha sociedade plural e prepararse para o exercizo da cidadanía democrática.
  • Adquirir unha preparación básica nas tecnoloxías da información e a comunicación.
  • Favorecer as habilidades lingüísticas de redacción, síntese e escrita en xeral.
  • Desenvolver o espírito emprendedor, o sentido crítico e a iniciativa persoal.
  • Desenvolver a confianza en si mesmo e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades.
    Desenvolver destrezas básicas na utilización das fontes de información.

TAREFAS:

Unha vez que teñades establecido o tema ao que ides dedicar a vosa páxina, teredes que establecer as diferentes tarefas a realizar:

  • Recoller a información e de redactala de forma precisa, incluíndo:
    • As crónicas dos partidos.
    • O calendario de realización do campionato.
    • As regras.
    • Os resultados
  • Recoller as imaxes que ilustrarán a páxina
    • Realizar as fotos ou pequenos vídeos que vaiamos incluír.
    • Darlles o formato preciso para colocalas nun contorno web, reducíndolles o seu peso.
  • Poderemos tamén incorporar botóns predefinidos ou ben deseñalos vós mesmos, de maneira que alguén terá que debuxalos.
  • Nas páxinas é habitual poñer ligazóns a outras páxinas onde se complementa a información que se da, polo que algunhas persoas terán que facer esa tarefa de investigación. As ligazóns poden ser ás páxinas de equipos profesionais que practiquen o mesmo deporte, ás federacións, a outros centros que estean a realizar outros campionatos, etc.
  • Se a páxina que realicemos non a podedes incorporar á propia páxina do vosos centro, poderedes utilizar un servidor gratuíto, e alguén terá que analizar os que hai e dar de alta a vosa páxina nel.

RECURSOS:

Dependendo da información que pretendades incluír na páxina poderedes precisar de diferentes recursos técnicos: cámaras de fotos ou de vídeo, programas de tratamento de imaxes e de edición de vídeo, procesador de textos, etc..

Precisaredes tamén un equipo informático e unha conexión a internet. Os programas de creación de páxinas web así como o aloxamento da páxina pódese realizar con recursos gratuítos que se ofrecen na propia rede ou ben utilizar recursos que están no mercado, evidentemente con mellores prestacións pero que non son precisos para dar os primeiros pasos neste eido.

Para recoller ideas sobre como podedes facer a páxina podedes mirar as que elaboraron noutros centros .

REUNIÓNS:

A primeira reunión, como en case todos os traballos deste tipo, será onde quede definido o tema ao que ides dedicar a vosa páxina e os diferentes grupos e tarefas que teredes que desenvolver. Posteriormente cada un dos grupos terá que ir elaborando a súa parte correspondente e ademais haberá que facer futuras reunións para ir controlando os avances de cada un dos grupos: ¿se tedes recollida a información suficiente? ¿se tedes imaxes apropiadas? ¿se é preciso buscar máis? ¿se precisades algunha axuda para activar a alta do aloxamento web?

Cando teñades reunida toda a información previa será o momento de realizar propiamente a páxina:

  • Definide o deseño e a estrutura da páxina:
    • As cores predominantes.
    • Os motivos principais que lle darán unidade.
    • O estilo xeral da mesma.
  • Facede un gráfico nun papel onde queden explicitadas as ligazóns entre uns apartados e outros e a información que aparecerá en cada unha das pantallas.

REALIZACIÓN:

O proxecto quedará rematado cando teñades colgada a vosa páxina na rede, aínda que unha verdadeira páxina web é a que se actualiza e modifica segundo lle ides incorporando novas informacións. Polo que teredes que pensar en que algunha persoa debería encargarse de revisala con certa frecuencia, anotando os erros que atope e realizando o seu mantemento.