Viaxe de estudos Festival fin de curso Campionato deportivo Xornal
Páxinas web Programa de radio Obra de teatro  

Ímonos a París
Organización dunha viaxe

OBXECTIVOS:

O que pretendemos conseguir con esta viaxe é:

  • Desenvolver o espírito emprendedor, o sentido crítico e a iniciativa persoal.
  • Desenvolver a confianza en si mesmo e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades.
  • Afianzar o sentido do traballo en equipo e valorar as perspectivas, experiencias e formas de pensar dos outros.
  • Desenvolver destrezas básicas na utilización das fontes de información.
  • Coñecer a lingua e a cultura dun país europeo.
  • Mellorar as relacións persoais do grupo.
  • Saír do noso contorno e aprender a manexarse en aeroportos.
  • Visitar unha grande cidade, e afacerse ao seu ritmo de vida.
  • Comer pratos novos, típicos doutro país.
  • Vivir con horarios distintos dos habituais (non sempre é doado!!), ...

TAREFAS:

Para conseguir os obxectivos podedes facer o seguinte:

  • Buscar información en guías, revistas, internet, escolas de idiomas, Alianza francesa, etc.
  • Planificar as actividades a desenvolver durante a viaxe.

•  Facendo unha lista de lugares para xantar e cear.

•  Facendo outra cos museos e lugares de interese para visitar.

•  Se cadra tamén poderedes atopar en internet algún espectáculo que estean a representar durante esas datas: un concerto, unha obra de teatro, a estrea dunha película (é un bo xeito de practicar o francés).

  • Informádevos dos horarios e percorridos dos medios de transporte máis importantes e utilizados.
  • Organizade toda a información cun mapa da cidade diante, porque así poderedes calcular que vos cadra de camiño cada día, para optimizar o tempo empregado e non dar voltas ao tolo.
    • Por exemplo: “o luns visitamos pola mañá a exposición X no museo X, e despois xantamos no local X, que queda preto. Pola tarde paseamos polo xardín X, e cara ao sur imos dar á catedral e visitámola,... Ceamos no local X e podemos asistir a un concerto que dan na rúa tódolos luns na rúa X xa de camiño ao hotel”.
  • Poñerse en contacto con diferentes axencias de viaxes para obter presupostos.
  • Redactar as cartas de información ás familias, de solicitude ao Consello Escolar e as autorizacións para as persoas asistentes.
  • Buscar ás persoas que nos acompañen na viaxe.
  • Elaborar unha guía para as persoas participantes na actividade.
  • Facer un “caderno de bitácora” unha vez realizada a viaxe.
  • Un grupo pódese encargar do tema cultural (museos e demais).
  • Outros do tema gastronómico (que pratos típico comemos).
  • Outro grupo debería encargarse de facer as fotos e de ordenalas despois.
  • Finalmente, ao chegar de volta a casa, poderiamos realizar esa revistiña (ou páxina web ) con tódalas experiencias que vivimos.

RECURSOS:

Unha viaxe deste tipo é unha actividade que supón un custo importante, polo que teredes que buscar medios para financiala e facer posible a asistencia do maior número de persoas. Para obter recursos económicos poderedes facer, entre outras, as seguintes actividades:

  • Deseñar unhas camisetas, imprimilas e vendelas.
  • Realizar unha rifa.
  • Realizar un festival .
  • Solicitar unha axuda ao Consello Escolar.
  • Establecer unha cota para todos os participantes e que a poidan ingresar mensualmente de maneira que resulte máis doado o pago da actividade.

REUNIÓNS:

Para coordinar unha actividade tan complexa como esta poderedes establecer diferentes tipos de reunións: reunións de gran grupo, ás que asistirán todas as persoas que irán á excursión, e reunións de pequeno grupo nas que participarán as persoas encargadas de realizar cada unha das tarefas.

As reunións de gran grupo:

  • A primeira reunión ten que ser para confirmar o lugar ao que pretendemos ir, neste casoa París. É aconsellable levar á reunión algúns catálogos con prezos orientativos, de maneira que a xente xa poida calcular as posibilidades reais de ir a un sitio ou a outro.
  • Posteriormente será aconsellable ir facendo outras reunións para comprobar a realización das diferentes tarefas e coordinar o diferentes traballos.

Para cada unha das tarefas que tedes que facer é aconsellable que se organice un grupo pequeno de persoas responsables de realizala, así, por exemplo, poderiades constituír un grupo encargado de recoller información sobre París, outro grupo que visite axencias de viaxe para ver as ofertas, outro para realizar todos os trámites burocráticos, listas de participantes, etc., outro grupo que se responsabilice do apartado económico, etc. Os integrantes de cada un destes grupos teredes que establecer unha dinámica de traballo e realizar as reunións que precisedes para coordinalo.

REALIZACIÓN:

Finalmente cando teñades realizado todos os pasos previos, poderedes realizar a viaxe:

  • Establecede a data e hora de saída e a de chegada e comunicádellela aos participantes, ás súas familias e ao centro.
  • Recadade os cartos para a viaxe.
  • Repartide as guías coa información que preparastes.
Disfrutade da viaxe, e lembrade recoller información para presentarlla ao resto do voso centro, poderedes facelo nun programa de radio , na páxina web do instituto ou por medio dun paneis.