Viaxe de estudos Festival fin de curso Campionato deportivo Xornal
Páxinas web Programa de radio Obra de teatro  

Entre focos
Representación dunha obra de teatro

OBXECTIVOS:

Para representar unha obra de teatro podemos partir dun texto e dunha obra xa escrita ou intentar escribila nós mesmos partindo dun texto ou dunha situación que dramaticemos, evidentemente esta última opción será moito máis ambiciosa e precisará dun traballo moito maior. A proposta que vos facemos refírese á primeira das situacións.

  • Comprender e interpretar textos complexos.
  • Expresarse oralmente con corrección.
  • Exercitarse no diálogo afianzando os valores comúns dunha sociedade plural e prepararse para o exercicio da cidadanía democrática.
  • Coñecer, valorar e respectar os aspectos básicos da cultura e o patrimonio artístico e cultural.
  • Apreciar a creación artística e comprender a linguaxe teatral.
  • Desenvolver o espírito emprendedor, o sentido crítico e a iniciativa persoal.
  • Desenvolver a confianza nun mesmo e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades.

TAREFAS:

As tarefas a desenvolver incluirán:

  • Seleccionar a obra a representar.
  • Elixir os actores e actrices que intervirán na obra.
  • Aprender os papeis e ensaiar a obra.
  • Seleccionar o vestiario, tendo en conta que nalgún caso pode ser preciso o seu deseño e realización.
  • Deseñar e realizar os escenarios e o atrezzo.
  • Preparar os aspectos técnicos como a iluminación e o son.

RECURSOS:

Os recursos que precisaredes serán:

  • O escenario onde representar a obra, dependendo das circunstancias concretas do voso centro requirirá unhas adaptacións máis ou menos importantes.
  • Os textos.
  • Os decorados.
  • O vestiario.
  • O atrezzo.

En moitos dos casos poderedes realizar vós mesmos empregando recursos cos que podedes contar no voso contorno, nas materias de tecnoloxía e de plástica, por exemplo. Esta posibilidade só deberiamos desbotala en último extremo, pois dálle un valor engadido ao traballo.

REUNIÓNS:

Haberá que prever, ademais das reunións iniciais para seleccionar a obra e distribuír as tarefas a desenvolver as propias do seguimento do desenvolvemento das diferentes tarefas programadas. E por suposto os tempos para os ensaios.

REALIZACIÓN:

Culminaremos o traballo cando se realice a estrea da obra, da que se poderá informar nos medios de difusión do propio centro: xornal, programa de radio , páxina web, etc.