Nas ondas
Realizar un programa de radio
OBXECTIVOS: Aínda que a realización dun programa de radio propiamente dito ten unhas dificultades importantes de medios e de requisitos administrativos, unha opción doada e que moitos centros están xa a realizar é a de elaborar un programa de radio e “emitilo” por medio da megafonía do propio centro nos espacios de usos común do instituto. En calquera caso os obxectivos que pretenderemos serán moi similares:
- Desenvolver o espírito emprendedor, o sentido crítico e a iniciativa persoal.
- Desenvolver a confianza en si mesmo e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades.
- Afianzar o sentido do traballo en equipo e valorar as perspectivas, experiencias e formas de pensar dos outros.
- Aprender a estructurar un guión.
- Falar correctamente en público.
- Transmitir información das actividades realizadas no centro.
- Desenvolver destrezas básicas na utilización das fontes de información.
TAREFAS:
Entre as tarefas que tedes que desenvolver podemos facer dous apartados, por unha banda as que atinxen ao apartado de infraestructura técnica e por outra ás relacionadas propiamente coa realización do programa que ides emitir.
- Infraestructura técnica: (entendendo que o que imos facer é unha emisión dentro do propio centro educativo), falaremos dela no apartado de recursos, tendo en conta que se precisa da participación de profesorado con coñecementos específicos sobre esta cuestión ou dun técnico.
- Realización dos programas de radio:
- Establecemento dunha serie de seccións para o noso programa. As seccións que establezamos poden ser tan variadas como desexemos, pero por citar algúns exemplos podemos dicir: Información de actividades previstas e realizadas no instituto, un monográfico sobre un autor literario ou unha persoa relevante no eido científico, entrevistas a compañeiros, profesorado, personalidades do concello, persoal que traballa no centro, etc. Unha sección dedicada á música facendo monográficos de compositores, grupos de moda ou estilos musicais.
- Preparación dun guión para cada unha delas.
- Busca de recursos sonoros a empregar: música, entrevistas, novas, etc.
Cada unha das seccións poderá organizarse entre varias persoas que poden tamén repartirse as tarefas a desenvolver: aspectos técnicos, presentación e redacción do guión e obtención das novas a emitir.
Ademais de todas as cuestións referidas, sería necesario solicitar a correspondente autorización ao Consello Escolar e falar co Equipo Directivo para que nos indicasen os posibles inconvenientes.
RECURSOS:
Os recursos técnicos dependerán do tipo de centro onde esteamos e das súas condicións de tamaño, distribución, sonoridade, etc. Antes de pensar en adquirir ningún tipo de material é preciso comprobar que non dispoñemos del no centro e o poidamos empregar, neste sentido é importante falar co equipo directivo e con algúns departamentos como por exemplo o de música, que ademais é posible que nos poidan prestar axuda.
En calquera caso tedes que pensar que serán precisos, cando menos:
- Un par de micrófonos.
- Unha pequena mesa de mesturas.
- Un reproductor, ou mellor diferentes tipos que nos permitan reproducir diferentes formatos: cintas, discos, mp3, cd, etc.
- Uns altofalantes conectados a estes dispositivos.
- Unha sala dende a que emitir, ou cando menos, unha mesa e unhas cadeiras onde colocar todo o equipo.
- Ademais será preciso contar con algunha gravadora para poder recoller os documentos sonoros que desexemos emitir.
Con estes recursos pódese realizar un traballo digno.
REUNIÓNS:
Unha primeira reunión ten que servir para establecer se temos os recursos técnicos necesarios para poñer en funcionamento o programa ou cales serían precisos e como os poderiamos obter, Unha vez solucionado este tema é cando teriamos que facer xa as reunións nas que organizásemos propiamente o programa que queremos realizar, decidir a periodicidade, a duración, as seccións que terá, etc.. Cando estea en funcionamento o programa haberá que prever outras reunións para ir avaliando o funcionamento, se todas as seccións responden aos obxectivos que estaban previstos, se poden aparecer seccións novas, se algunhas poden desaparecer por cansazo das persoas que a estaban a organizar, se dedicamos algún día a un tema monográfico e todas as seccións están relacionadas con este tema, etc.
REALIZACIÓN:
A radio é, ou debe ser, un proxecto vivo, polo que non rematará coa emisión dun programa senón que as súas modificacións, os seus momentos bos e outros nos que, para o resto dos compañeiros e compañeiras do instituto, resulte menos atraínte forman parte da súa historia, e esta é a que a fai interesante. |