1. OBXECTIVOS:
Para realizar calquera traballo, aínda que sexa de xeito individual, necesitamos precisar que é o que realmente temos que facer. No caso dos traballos en grupo, esta precisión ten que ser maior, pois necesitamos que todo o mundo entenda claramente que é o que ten que facer e para que. Pode ser interesante que, aínda que nos pareza que todos estamos de acordo, cada un repita en voz alta que é o que pretendemos facer.
Unha maneira de facilitar este traballo de definir que é o que pretendemos é poñerlle un título ao noso traballo.
Esta primeira parte é realmente importante, todo o tempo que dediquemos neste momento a definir con precisión o que pretendemos o aforraremos despois en descartar contidos innecesarios ou en reorientar o traballo.
2. TAREFAS:
Cando xa temos claramente establecido que é o que queremos facer, dividimos o traballo en partes e decidimos que persoa ou persoas se encargan de cada unha. Tamén en este punto é importante que cada quen entenda claramente que é o que ten que facer. Pensade que pode haber partes moi relacionadas e se non establecemos exactamente que ten que facer cada un é posible que queden partes sen tratar.
Para realizar este reparto de tarefas poderemos ter en conta os intereses de cada un, as súas posibilidades de obter información, os coñecementos que teña, os seus gustos, etc..
3. RECURSOS:
É preciso ter en conta os recursos que precisamos para realizar o noso traballo, nuns casos serán recursos documentais: libros, revistas, información de internet, información que nos dean outras persoas, etc., noutros casos serán recursos gráficos: fotografías que realicemos nós mesmos ou que recollamos dalgún lugar, vídeos, imaxes de prensa, etc., recursos sonoros: instrumentos musicais, aparatos de música, cds, etc., tamén é posible que nalgúns momentos precisemos recursos económicos para realizar algunhas tarefas.
Necesitamos definir cales son os recursos que precisamos e a maneira de obtelos.
4. REUNIÓNS:
Despois dun tempo en que cada persoa realiza de xeito individual as tarefas que lle corresponden é preciso realizar unha reunión para poñer en común todo o que temos realizado. Neste momento é no que todos opinamos sobre o traballo realizado ata este momento, onde analizamos o que temos, valoramos se é preciso marcar outro prazo para recoller máis información. Nos casos máis críticos é posible incluso que nos plantexemos a viabilidade do noso proxecto, se é preciso marcar uns obxectivos distintos ou polo contrario se o traballo vai por bo camiño é xa só é preciso o último paso.
Seguramente teñades que realizar varias reunións ó longo do proceso.
5. REALIZACIÓN:
Finalmente todo proxecto ou traballo ten que plasmarse nunha realización final, podendo ser esta dende unha revista como a que se realizou o curso pasado a unha viaxe de ampliación de estudios, un festival de fin de curso, un campionato deportivo, un vídeo, unha páxina web, un programa de radio, unha obra de teatro ou calquera traballo para cada unha das materias do curso. |